martes, 27 de septiembre de 2016

Día de Acción Global por un aborto legal, seguro e gratuíto

Con motivo da conmemoración mañá, mércores 28 de setembro, Día de  Acción Global por un aborto legal, seguro e gratuíto, a Plataforma da Coruña polo Dereito ao Aborto e a Marcha Mundial das Mulleres teñen convocada unha concentración diante do edificio da Audiencia Provincial (r/Capitán Juan Varela), ás 12:30 horas, para reivindicar o exercicio efectivo e o respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e para denunciar o contido da reforma da lei do aborto.

Concretamente, a Plataforma e a MMM volven pór o acento no feito de que a as autoridades sanitarias da área da Coruña están a vulnerar os dereitos reprodutivos das mulleres que teñen necesidade de que se lle practique un aborto de máis de 14 semanas por causas médicas no hospital materno-infantil Teresa Herrera. Desposuíndoas do seu dereito a ter a mesma atención que nun parto, sen posibilidade de anestesia epidural, e sen garantías de que vaian ser atendidas durante todo o proceso por persoal especializado, nin que vaian ter o expulsivo asistido nun paritorio.

Precisamente, antes da protesta, unha representación de ambos colectivos manterá unha entrevista coa Fiscalía Provincial para expor a deficitaria atención que se lle presta ás mulleres que teñen un aborto no segundo trimestre de xestión e instando ás autoridades a que tomen as medidas oportunas para garantir unha atención integral e de calidade ás mulleres que se atopan nesta circunstancia.

Dende a Plataforma e MMM reiteran que “as mulleres seguiremos loitando mentres non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos. Esiximos a quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, que o faga, non que os restrinxa”.

Estes dereitos, subliñan, están recollidos, como dereitos humanos fundamentais nos Tratados Internacionais desde os anos 90, acordos que foron subscritos polo goberno do Estado español e, polo tanto, son de obrigado cumprimento para o Goberno galego.



No hay comentarios: